Emili Teixidor: Pan negro. Ed. Seix Barral.
"A miña nai era a segunda de doce fillos dunha familia de campesiños, da parte máis pobre e apartada das Guillerías. Aos nove ou dez anos xa traballaba na fábrica La Bola, no pobo onde despois se instalaría con meu pai. Traballaban xeiras de dez horas e algunhas obreiras eran tan pequenas que tiñan que subirse ás caixas de canelas para chegar coas mans a anudar os fíos das máquinas de fiados. Dez horas de traballo ata que se impuxo a xeira de oito horas e o descanso dominical. E a prohibición de traballar aos menores de dez anos. Pero iso foi cando ela xa tiña catorce ou quince e entón soñaban co que chamaban a "semana inglesa" -a semana dos ingleses, segundo ela- para non ter que traballar os sábados. (...)"
Emili Teixidor: Pan negro. Ed. Seix Barral.
"Pero a primeira vez que visitei a cidade, nada máis baixar no tren na praza de Cataluña, chegoume unha bafada de aire podre á cara que me desagradou profundamente. Había policías e gardas civís en todos os apeadeiros, a partires das estacións dos arredores de Barcelona ata a parada final de praza de Cataluña, para controlar aos estraperlistas. E puden comprobar o que tiña oído, que antes de chegar á estación, homes e mulleres botaban pola fiestra do tren saquiños de alimentos ou de pan branco a alguén que os recollía entre os raís ou nas marxes. Despois, ao sair á rúa, o fragor e o traxín, o xentío e os coches mareáronme. Pensei que eu non podería vivir naquela cidade inabarcable, gris, fedenta. Notaba que me faltaba a visión do bosque, do verde, das montañas do fondo, que os ollos botaban de menos outra paisaxe para perderse. A cidade non tiña fondo nin verdor e os edificios cortaban o ceo, borraban o horizonte, tapaban a vista. As árbores eran raquíticas, parecéronme enfermas, tísicas."
Emili Teixidor: Pan negro. Ed. Seix Barral.
"As voces dos tertulianos chegaban amortiguadas e medio perdidas polas paredes do corredor, eu non facía nengún caso delas pero ás veces, en moi poucas ocasiónsse algunha palabra ou frase espertaba a miña curiosidade, prestaba atención e achegábame á porta para seguir a conversa. Non entendía nada e só sabía que saltaban dun tema a outro cunha lixeireza admirable, tan pronto falaban das misións que o bispado organizaba nos pobos das comarcas da diócese para reconvertir o mundo do traballo -falaban moito do mundo do traballo, nunca do mundo obreiro do que falaba o meu pai-, e dos centros católicos que debían acoller e encarrilar ese mundo desbaratado, como da loita contra os maquis ou o maquis e a incomprensión das democracias podres, como das diferentes pólas de Acción Católica ou de se conviña ou non un cambio de municipio e de como equilibraban os seus candidatos cos que propoñía Gobernación en Barcelona e o goberno de Madrid. (...)"Emili Teixidor: Pan negro. Ed. Seix Barral.
Ola Xosé Antón. Parabéns polo teu traballo. Axuda a facer camiño.
ResponderEliminar